Grupo Aletheia
O Grupo Aletheia de Vigo comeza a súa andaina no ano 1984. Os fundadores, profesores e catedráticos, foron Vidal Estévez Estévez, Emilio García Bonhome, Avelino Muleiro García e Constantino Prol Cid. Co paso do tempo foron integrándose outros filósofos que constitúen os denominados membros de honra. Aqueles sentiron a necesidade de promover a reflexión filosófica na cidade de Vigo posto que daquela non había universidade nin foros importantes de debate
Derivada desta teima xurde a necesidade de poñer en marcha unhas Xornadas de Filosofía. Buscaban que esta activade fose aberta para todos e que nela participasen intelectuais de prestixio de España e do estranxeiro, en ámbitos diversos e con opcións diferentes.
Esta actividade impregna dun espírito filosófico a toda a cidade de Vigo e a súa contorna. Non sen atrancos, acadou situarse dentro do universo filosófico ao comprobar que por elas pasaron, e deixaron as súas reflexións, os mellores filósofos, científicos, epistemólogos, neurocientíficos, lingüistas, economistas, historiadores, etc., como son, entre outros, Mario Bunge, Rom Harré, Ulises Moulines, Victoria Camps, Jesús Mosterín, Salvador Giner, Emilio Lledó, Javier Sádaba, María Ángeles Durán, Javier Echeverría, Evandro Agazzi, José Luis Pinillos, Carlos París, Luis Cencillo, Michel Russe, Marcelo Dascal, Sabater Pi, Amelia Valcárcel, etc.
Coas xornadas de Filosofía abríronse novos horizontes máis aló das fronteiras que delimitan a estrutura temporal que sostén a vida dos vigueses e, ademais, albiscáronse novos modelos intelectuais que, desde a crítica, sexan útiles ao ser humano.
As xornadas organizadas polo Grupo Aletheía empezaron sendo patrocinadas por institucións públicas como a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Pontevedra, O Xacobeo, Fundación CaixaGalicia, o Concello de Vigo… Desde os últimos anos é o Concello de Vigo quen, a través da Concellería de Cultura, asume a súa organización.

xornadasfilosofiavigo.wordpress.com pretende ser un lugar de encontro de todas aquelas persoas que desexen obter información sobre as Xornadas de Filosofía que, co obxectivo de divulgar o pensamento filosófico e científico, se celebran na cidade de Vigo. Nela se amosan os contidos de edicións anteriores así como os proxectos que se albiscan cara a vindeiras convocatorias.